Fai Historia con nós

Un estudo histórico sitúa a orixe da vila de Oímbra no século XIII, dous séculos antes do considerado

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo

En abril de 2017 Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, asinaron un convenio de colaboración que tiña como obxectivo buscar as orixes históricas deste municipio ourensán. Este xoves presentáronse os resultados da investigación realizada por un equipo da Facultade de Historia do campus de Ourense. Entre eles destácase como “cos novos datos coñecidos a raíz da elaboración deste proxecto de investigación, Oímbra configúrase como vila xa no século XIII, sempre con anterioridade a 1287 e, polo tanto, dous séculos antes do que ata o momento se pensaba”.

orixe da vila de Oímbra

A presentación do informe do Proxecto Investigación Arqueolóxica e Histórica sobre as Orixes do Concello de Oímbra tivo lugar no municipio ourensán coa participación da súa alcaldesa e de Beatriz Comendador, especialista en Prehistoria e Historia Antiga, e o investigador Víctor Rodríguez Muñiz, que xunto a Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez, especialistas na etapa Medieval e Moderna, completaron o equipo da Facultade de Historia que levou a cabo este estudo. A idea de pór en marcha esta iniciativa, lembrou Ana María Villarino, naceu da necesidade de buscar as orixes deste municipio e pór luz sobre a descoñecida evolución histórica deste municipio. Segundo explicaron os autores e autoras do informe, o proxecto perseguía o duplo obxectivo de amosar a información arqueolóxica coñecida para o concello, mediante a revisión de catalogacións e prospeccións en campo, e rastrexar as referencias que os textos escritos, moitos deles en documentación aínda inédita, puidesen achegar para un maior e mellor coñecemento da realidade de Oímbra.


Ler a noticia completa no DUVI