Fai Historia con nós

Un percorrido polos descoñecidos xacementos arqueolóxicos do campus de Vigo

O 18 de abril celebrouse o Día Internacional dos Monumentos e Sitios

O 18 de abril é o Día internacional dos Monumentos e Sitios, unha conmemoración que neste 2018 ten como lema #heritage4generations. Pero non é necesario desprazarse lonxe para poder coñecer o patrimonio cultura e histórico e, de feito, o campus de Vigo agocha segredos, algúns descoñecidos para a inmensa maioría da cidadanía, pero que son unha mostra de que esta zona estivo habitada dende hai milenios. Unha necrópole megalítica, silos prehistóricos... todos estes elementos foron en 2011 incluídos nun proxecto para a valoración do patrimonio cultural das parroquias de Candeán, Zamáns e Saiáns e algún deles conta na actualidade con paneis informativos que permiten coñecer un pouco mellor a historia desta zona.

Día Internacional dos Monumentos e Sitios

Ademais este percorrido está incluído na colección de folletos informativos que edita o Concello de Vigo cos roteiros da contorna e será obxecto nos vindeiros meses dunha visita interpretativa que están a preparar o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia do campus de Ourense.

O roteiro pola campus permite visitar a necrópole megalítica das Xunqueiras e o xacemento de fosas da Prehistoria Recente do Monte das Cabanas, “un xacemento excepcional dende o punto de vista arqueolóxico”, segundo Beatriz Comendador, profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía do campus de Ourense. A docente apunta que aínda que “as persoas que realicen o itinerario si poderán ver os restos de catro túmulos ou mámoas”, non é posible ver as fosas nin os furados de poste que apareceron en Monte das Cabanas ao estaren soterradas. Moitos dos materias arqueolóxicos recuperados, como vasos cerámicos, muíños de man, crisois ou sementes, foron depositados no Museo Quiñones de León de Vigo.


Ler a noticia completa no DUVI