Fai Historia con nós

O Castelo de Malpaso sitúase no mapa da arqueoloxía medieval

O Geaat organiza este venres e sábado un simposio internacional con este obxectivo

Os días 4 e 5 de maio o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Universidade de Vigo, celebra o Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval. Este venres arrancou na Facultade de Historia un programa co que se pretende, a través das achegas de diferentes expertas e expertos, avanzar no coñecemento e valorización do xacemento altomedieval situado nas inmediacións da aldea de San Salvador dos Penedos, en Allariz, e coñecido como Castelo de Mouresiños ou Castelo do Malpaso, onde o Geaat ten desenvolvido diferentes intervencións arqueolóxicas.

Castelo de Malpaso

“Esta actividade demostra unha vez máis o gran dinamismo desta nosa pequena facultade”, comentou Susana Reboreda durante a inauguración da cita, lembrando ademais “o alto grao de formación en arqueoloxía do noso alumnado non só a través das materias senón tamén a través das prácticas”. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz, coincidiron en salientar durante esta apertura a frutífera colaboración existente entre as dúas institucións que representan. “Este tipo de iniciativas permiten pór en valor o patrimonio agochado no territorio”, subliñou Virxilio Rodríguez, que quixo agradecer “o apoio aberto e a comprensión” que sempre amosa o Concello de Allariz coas propostas feitas desde a institución académica. Francisco García agradeceu pola súa banda o proxecto desenvolvido polo Geaat en San Salvador dos Penedos, “que para nós é unha pequena xoia na que natureza e patrimonio están en comuñón”. O traballo levado a cabo alí, sinalou, supón “un recurso máis” para avanzar na dinamización económica deste enclave e na valorización do seu patrimonio. “Co pasado é fácil ter futuro”, recalcou o alcalde de Allariz.


Ler a noticia completa no DUVI