Fai Historia con nós

Xustificación

Xustificación do título de Grao


O marco normativo da proposta do novo Título de Grao en Xeografía e Historia é o conformado pola Lei orgánica de universidades do 21 de decembro de 2001 e pola serie de decretos promulgados entre 2003 e 2005 polo Ministerio de Educación e Ciencia para a construción dentro do sistema universitario español do EEES (Declaración de Bolonia de 1999 e conferencias bienais celebradas ata a data). Segundo as directrices establecidas fíxase, entre outras cuestións, a denominación do título de Grao como Xeografía e Historia, cun total de 240 créditos entre obrigatorios e optativos, que recollen o conxunto de coñecementos, aptitudes e destrezas necesarios para acadar os obxectivos formativos do título, tanto comúns como específicos.

Interese Académico e Científico


O valor xenérico e o prestixio do título de Grao en Xeografía e Historia atópanse académica e socialmente recoñecidos e inclúese no ámbito de Arte e Humanidades cunha longa e consolidada tradición académica e universitaria. A estrutura do título, aínda que responde a un carácter xeral, tamén afonda nos contidos, co obxectivo de proporcionar ao estudante unha formación completa e versátil, que engloba conceptos relacionados coa Xeografía, Historia e Historia da Arte (coñecemento da estrutura diacrónica do pasado, das coordenadas espacio-temporais, das interrelacións xeográficas e culturais, etc.), e o dota dunha serie ampla de competencias xenéricas e específicas que integran o nivel de coñecementos (saber); o de capacitación en habilidades e destrezas (saber facer) e o de formación en actitudes e valores (saber ser e estar).

O coñecemento do noso pasado e doutras culturas permite achegar as ferramentas analíticas e conceptuais necesarias para acceder dun xeito reflexivo e crítico ás culturas do pasado, ademais de proporcionar os valores humanos e principios éticos necesarios sobre os que asenta a sociedade actual.

Demanda potencial e interese para a sociedade


O plan de estudos de Xeografía e Historia, único que se imparte na Comunidade Autónoma de Galicia, trata de responder ás funcións da universidade encamiñadas a reforzar a súa adaptación ás demandas sociais, ao tempo que cumpre a característica fundamental de centro de investigación e de coñecemento, de transmisión dos valores sobre os que se construíu a nosa sociedade, promovendo os principios de respecto, tolerancia, non discriminación e igualdade entre homes e mulleres.