Este mércores arrancou na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións. Nel faise divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo en temáticas relacionada coa provincia de Ourense así como as de outro persoal investigador externo especializado.
Cunha duración de 35 horas, a iniciativa forma parte da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que ofrece neste 2025 a Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Deputación de Ourense. O seu director é o historiador e profesor José Ramón Campos, que destacou na inauguración do evento este mércores xunto a Julio Prada, decano da Facultade de Historia, que este curso celebra a súa terceira edición grazas á boa acollida que ten cada ano, cunha media de 40 persoas matriculadas e unha boa avaliación por parte das e dos asistentes.
Este luns presentouse no campus de Ourense a programación de cursos de extensión universitaria, os coñecidos como cursos de verán, que organiza a súa vicerreitoría con financiamento da Deputación de Ourense. Nesta edición 2025 son oito as propostas lanzadas e que abranguen desde o liderado e o termalismo ata o audiovisual e a sostibilidade. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.
A programación foi presentada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense. Na súa intervención, o vicerreitor salientou que se trata “dunha oferta moi acaída” tendo en conta as características do campus e as demandas de formación que hai. Pola súa banda, Rosendo Fernández recalcou que esta iniciativa é froito e mostra unha vez máis da “colaboración e cooperación” existente entre as dúas institucións. Ambos destacaron a importancia de que esta oferta de cursos de verán non só se celebre na cidade de Ourense senón que se achegue a concellos da provincia como Muíños e Celanova.
O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, o Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine (INSAP) e a Universidade Ibn Tofail de Kenitra desenvolven desde o ano 2021 o proxecto arqueolóxico internacional MA.RO.CO. O seu obxectivo é afondar no coñecemento do xacemento marroquí de Tahaddart, dedicado á produción industrial de salgas de peixe, e no comercio en época romana na fachada atlántica dese país. Na recta final da proxecto, esta semana as entidades implicadas fan balance da iniciativa nun encontro internacional en Rabat no que destacan os bos resultados acadados.
O proxecto realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos, e a Universidade de Vigo. Ademais, está financiado pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Está dirixido polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández, polo investigador do INSAP Mohamed Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade Ibn Tofail de Kenitra Meriem Hansali. No equipo da UVigo tamén están Patricia Valle, Fermín Pérez e Alba Rodríguez e con el colaboran, en diferentes partes do proxecto, especialistas de institucións como as universidades de León, Barcelona, Coimbra e Porto e o Museu Nacional de Conímbriga (Portugal).